Na segunda sesión do obradoiro de Radio ( 11 de decembro) o alumnado de 6º preparou a gravación dun contido. Cos elementos da linguaxe radiofónica: voz, música, efectos de son e silencio, comezaron a traballar a sonorización e locución dunha historia colectiva creada para tal efecto polo Laboratorio de Radio.
Traballaron por parellas e repartiron tarefas. Unha persoa do grupo encargouse da locución da historia e a outra da sonorización, mediante unha serie de instrumentos e aparellos reciclados.
Despois de practicar o texto e coordinar como e cando soan os efectos, fixeron unha serie de exercicios de respiración e vocalización para mellorar a locución diante do micro.
Remataron a actividade coa gravación e escoita colectiva da historia, nunha formación que tratou de promover os valores pedagóxicos do medio radiofónico: traballo en equipo, escoita activa, creatividade e imaxinación.